Illa do enterro

“Burial Island”, Paula Meehan (Mysteries of the home, 1996)

Enterran os seus mortos tan axiña como poden
antes de que o cambia-formas as avergoñe
e lles faga cargar coa etiqueta de meigas.
Coñezo unha familia que tivo que ver a súa filla morta
converterse nunha lebre diante dos seus ollos.
Deitárona rápido no cadaleito pero xuro
que sentiron unhas patas bater contra a tapa da caixa
mentres a baixaban, mentres a terra caía.

1. Cántiga de tumba
Son a tumba a agardar
paciente receptiva húmida
pola miña lebre-moza en cambio constante
así que entre no seu eu lebre
pecharei(me) coma un puño
un final para a súa teima latexante
moito tempo despois
cando me abrades os dedos
os seus ósos na miña palma
sabede que a gardei con tenrura

2. Oración no cemiterio
Enterramos os nosos mortos
Carne a po
Po no vento
Canción do teixo
Cáliz da escuridade

3. Como os nenos o contan
lebre meiga das leiras
estalo da lebre que arde
nube mar pedra
un longo adeus de sono

salto verde da lebre
corredoira porta regato
sol pedra branca
ventre alento vir

berro de garza e lebre
gran de area estrela
pé diante de pé
pola costa pedregosa arriba

patas de lebre patas de lebre
patas que baten na madeira
couce de lebre exhausta
ollo azul vixía

coitelo corda corta
fogar seguro pai

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario